Nova

A Xunta convoca unha nova orde de axudas dirixida aos concellos para a creación de novas unidades de atención temperá

Destínanse 1,1 millóns de euros para a posta en marcha de ata oito novos servizos públicos para a atención de menores de 0 a 3 anos con problemas de desenvolvemento


Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2025

A Xunta destina 1,1 millóns de euros a financiar a creación de novas unidades de atención temperá, un servizo público fundamental para previr, detectar e tratar problemas de desenvolvemento en nenos e nenas de 0 a 6 anos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe publica os requisitos que para acollerse a esta liña de subvencións dirixida aos concellos, a segunda que se convoca este ano.

A previsión é que con esta orde de axudas se amplíe a Rede galega de atención temperá con entre seis e oito novos servizos. Galicia pasou de contar con dúas unidades que cubrían soamente 14 concellos e atendían a 160 familias no 2009 a dispoñer na actualidade de 51 unidades que atenden a 196 concellos e que chegan a máis de 6.000 familias. A este rede de unidades destínanse máis de 8 millóns de euros ao ano e á mesma hai que sumar os servizos de atención temperá que hai nos principais hospitais da comunidade, así como os Equipos de Orientación Específicos de Educación.

Os concellos ou mancomunidades de concellos interesados en acollerse a esta convocatoria teñen un mes de prazo, a partir de mañá, para presentar as súas solicitudes. Deberán facelo por medios electrónicos, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. A orde está cofinanciada  pola Unión Europea a través do programa FSE+ Galicia 2021-2027

Acreditación e protocolo

Por outra banda, o Goberno galego traballa na redacción dunha orde para a acreditación das unidades de atención temperá, coa finalidade de que todas elas conten cuns requisitos de calidade comúns. Tamén se actualizará o Protocolo autonómico de intervención, coordinación e derivación, que está vixente desde hai dez anos. Esta renovación farase en consenso coas entidades, concellos, colexios profesionais e familias, e ten como obxectivo promover a mellora continua dos servizos para dar resposta aos novos retos que xurdan.

Así mesmo, a Xunta abrirá proximamente que será o primeiro servizo de atención temperá e postemperá da comunidade, ao que poderán acudir nenas e nenos de 0 a 12 anos. Estará emprazado no edificio Gota de Leite de Vigo.