Nova
A Xunta aposta por impulsar iniciativas que garantan a recuperación e reintegración das vítimas de trata
Os directores xerais de Violencia de Xénero e Promoción da Igualdade destacaron que a normativa galega de violencia contra as mulleres tamén recoñece ás vítimas de explotación sexual
Verín (Ourense), 4 de outubro de 2025
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, inauguraron o XXI Foro da Igualdade centrado na explotación sexual. Durante o acto, trasladaron o compromiso da Xunta por impulsar iniciativas que garantan a recuperación e reintegración das vítimas de trata.
Neste sentido, no marco da xornada As que resisten: da ferida á palabra, da palabra á forza, os representantes autonómicos fixeron fincapé na necesidade de seguir poñendo a mirada na explotación sexual como unha manifestación máis da violencia de xénero; polo que recoñeceron o importante labor que desenvolven referentes como Mabel Lozano, que a través dos seus traballos cinematográficos pon de manifesto as vivencias e a dor das vítimas da trata. Deste xeito, durante o Foro, ambos directores asistiron ao estreo da súa última curtametraxe Abril. Hoy no es invierno e no que a directora volve centrar a temática na explotación das mulleres con fins sexuais.
Roberto Barba e María Quintiana tamén destacaron que a normativa galega en violencia de xénero foi unha das primeiras en recoñecer ás vítimas de trata e explotación sexual, garantindo así a súa protección e poñendo a súa disposición todos os recursos necesarios. Ademais, recalcaron o importante papel que desenvolven eventos coma este, organizado por Femuro, e que son esenciais para o encontro de profesionais, así como para as institucións e administración; xa que permiten afondar nas necesidades sociais e mellorar as políticas públicas.