Nova

Fabiola García destaca que nos últimos catro anos a Xunta destinou 1 M€ euros a mellorar as escolas infantis da rede autonómica de Ourense

A conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que o Executivo galego destinou só este verán 2M€ en toda Galicia á remodelación e creación de novos espazos para os nenos


Ourense, 4 de outubro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá as aulas remodeladas da escola infantil Virxe de Covadonga da cidade de Ourense. Estas actuacións forman parte das obras de mellora que a Xunta leva a cabo nos seus recursos de atención a cativos de 0-3 anos e que nos últimos catro anos contou cun investimento de un millón de euros só na cidade das Burgas.

A conselleira lembrou que a Xunta realizou durante o verán obras de mellora nas súas escolas infantís cun investimento de dous millóns de euros en toda Galicia. Nesta liña, recalcou que só na cidade de Ourense, o importe destinado a estas actuacións realizadas o pasado mes de agosto foi de 213.000 euros. Grazas a estas obras e remodelacións, o Executivo galego pon a disposición das familias novos espazos para a atención e coidado dos nenos e nenas.

Ademais, durante esta visita, Fabiola García subliñou que Galicia é a única comunidade na que a educación infantil 0-3 é totalmente gratuíta para as familias. Unha medida pioneira impulsada pola Xunta e que xa beneficia  a máis de 32.000 familias cun investimento de máis de 65M€ de fondos propios. Deste xeito, lembrou que “a nosa comunidade conta coa maior ratio de escolarización na etapa infantil” e avanzou que “o obxectivo é que este curso 2025-2026 volvamos ser líderes a nivel nacional”.