Nova

Fabiola García pon en valor o labor imprescindible que realizan os 34 cans guía da fundación once que acompañan a persoas cegas en Galicia

Centos de persoas participaron na mostra, na que técnicos explicaron en que consiste o proceso de adestramento para salvar obstáculos, subir ou baixar escaleiras ou cruzar pasos de peóns


Ferrol, 2 de outubro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, puxo en valor esta mañá o labor imprescindible que desempeñan os cans guía da Fundación ONCE, que acompañan a persoas cegas no seu día a día. En Galicia, actualmente hai 34 cans guía, que axudan a mellorar a autonomía, desprazamentos e seguridade das persoas cegas.

Fabiola García asistiu esta mañá no Pavillón Polideportivo de Esteiro á exhibición de cans guía organizada pola Fundación Once baixo o lema Moito máis que un can. Esta mostra correu a cargo de Cristina Ruiz e Elisenda Stewart, dúas instrutoras de mobilidade con can guía, que explicaron nun circuíto como é o proceso de adestramento para salvar obstáculos, subir ou baixar escaleiras ou cruzar pasos de peóns. Tamén participaron usuarios de can guía de Galicia.

No acto, a conselleira estivo acompañada polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, o vicepresidente da ONCE, Alberto Durán, o presidente do Consello Territorial da ONCE en Galicia, Carlos Fernández Lamigueiro, e o delegado da ONCE, Manuel Martínez Pan.

Na actualidade, segundo os datos da Fundación ONCE, preto dun milleiro de cans guía camiñan xunto a outras tantas persoas cegas polas cidades e pobos de España. En Galicia, hai 34 cans guía, dos que 11 acompañan a persoas cegas da Coruña.