Nova

Fabiola García destaca a importancia de reforzar en Galicia un modelo empresarial que aposte pola igualdade de xénero e o talento feminino

 

No evento, organizado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra, a conselleira detallou as medidas deseñadas polo Goberno galego para o fomento da igualdade entre mulleres e homes


Vigo, 2 de outubro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, apostou esta maña por reforzar un modelo empresarial que aposte pola igualdade de xénero e o talento feminino, uns eidos que, asegurou, actúan como “motor que axuda a potenciar a competitividade e o éxito das empresas”. Así o destacou na inauguración do V Foro empresarial pola igualdade, organizado pola Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP) e que esta edición levou por lema Mulleres que transforman.

Fabiola García felicitou aos empresarios e empresarias da provincia por impulsar un evento de referencia e consolidado, que busca avanzar na erradicación das desigualdades no ámbito laboral. Na súa intervención, puxo en valor a aposta da Xunta pola igualdade entre mulleres e homes en todos os ámbitos, con especial atención ao sector empresarial.

Durante a inauguración, a conselleira detallou as medidas deseñadas polo Goberno galego para o fomento da igualdade entre mulleres e homes. Deste xeito, lembrou que Galicia foi pioneira hai máis dunha década lanzando unha liña de apoios á redución de xornada, para que cada vez sexan máis os homes que a solicitan e destacou as axudas a empresas para promover a inserción de mulleres en sectores masculinizados. Este último eido será reforzado co deseño da que será a primeira Estratexia de emprego feminino en sectores masculinizados na que está avanzando o Goberno galego.

Fabiola García tamén destacou a aposta da Xunta polo emprendemento feminino a través do programa Emega, co que nos últimos doce anos impulsáronse máis de 2.100 proxectos. Por último, lembrou que o Goberno galego inviste este ano máis de 150M€ en medidas de conciliación e corresponsabilidade. A xornada, na que participaron empresarias galegas de distintos sectores, foi clausurada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana.