Nova
A Xunta participa nun congreso sobre os novos desafíos na loita contra a trata na era dixital
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, destacou as medidas que hai en Galicia para facilitar a plena reintegración das vítimas, con axudas para incentivar a súa contratación, vivendas de acollida ou o Plan galego contra a trata de seres humanos contra fins de explotación sexual
Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2025
O director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, puxo esta mañá en valor o traballo da Xunta no apoio ás vítimas de trata con fins de explotación sexual. Fíxoo na inauguración do primeiro congreso nacional que aborda esta temática que se celebra hoxe e mañá na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela.
Roberto Barba destacou a importancia deste encontro para analizar e compartir propostas ante os desafíos que implica a loita contra a trata no contexto dixital. Neste sentido, lembrou que Galicia conta cun plan autonómico específico neste ámbito, así como cun programa de axudas para incentivar a contratación de vítimas e dunha rede de vivendas de acollida.
Ademais, o director xeral referiuse á Lei galega de acoso e violencia dixital na que está a traballar o seu departamento. Unha norma pioneira en España que ten como obxectivo a adopción de medidas específicas fronte a un tipo de violencia cada vez máis presente con motivo da expansión do uso das novas tecnoloxías da información e da comunicación, como internet ou as redes sociais
Relatores
O programa do Congreso inclúe, entre os relatores, a profesionais e especialistas nas áreas da Socioloxía e do Dereito, así como representantes de entidades que desenvolven a súa actividade na atención ás vítimas e dos corpos e forzas de seguridade do Estado.
Así, entre os conferenciantes están: os profesores da área de Socioloxía da Universidade de Santiago de Compostela Lorena Añón-Loureiro, Jorge García Marín e Begoña Gómez Vázquez; o tenente da sección de Trata de Seres Humanos da Unidade de Crime Organizado (UCO), Félix Durán Garrido; a maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago de Compostela, Ana López Suevos, ou a directora para a Prevención, Reinserción e Atención á Muller Prostituída (Apramp), Rocío Mora Nieto.