Nova
A Xunta aposta por seguir visibilizando o liderado feminino no rural como eixo de futuro
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, explicou que a Administración autonómica pon o foco no apoio aos emprendementos femininos asentados no rural
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, destacou o papel da Xunta á hora de coordinar recursos, simplificar trámites, garantir servizos básicos e artellar alianzas co sector privado
A Coruña, 30 de setembro de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, participaron no III Foro Activistas por un futuro rural, organizado polo Grupo Lence, onde reafirmaron o compromiso da Xunta para seguir visibilizando o liderado feminino neste eido como eixo e garante de futuro.
No acto inaugural, a directora xeral de Promoción da Igualdade explicou que en determinados ámbitos sociais rexístranse maiores desigualdades de xénero, polo que é fundamental “impulsar a voz de referentes invisibilizados”. Así, destacou o papel das mulleres referentes con proxectos profesionais que dan vida e continuidade ao mundo rural e recalcou no acerto de “falar do rural tamén na cidade para poñer enriba da mesa que non hai vida sen rural”.
Quintiana tamén reflexionou sobre os cambios do rural nas últimas décadas, hoxe tamén tecnolóxico e innovador, e onde hai espazo “para todas e todos”, recalcando o gran conglomerado de emprendementos femininos e de empresas lideradas por mulleres que son xa motor en moitos lugares do rural galego. Ademais, a directora xeral trasladou a necesidade de “volver ao rural desde unha mirada feminista” o que supón -dixo- promover iniciativas impulsadas desde os coidados e a colaboración.
Nesta liña, María Quintiana lembrou que desde a Xunta se está poñendo o foco no apoio ao emprendemento feminino no rural, en sectores masculinizados e proxectos liderados por mulleres de máis de 55 anos, a través do programas como as axudas Emega. Ao mesmo tempo, recalcou que foros coma este son “lugares de reflexión necesarios para mellorar as políticas públicas”.
Mesa de diálogo sobre activismo rural
Pola súa banda, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, destacou neste foro o papel da Xunta á hora de coordinar recursos, simplificar trámites, garantir servizos básicos e artellar alianzas co sector privado. Neste senso, durante a súa participación na mesa de diálogo Activismo rural: é cousa de todos, lembrou que as prioridades para o Goberno galego pasan neste intre por impulsar a remuda xeracional, mellorar a dotación de servizos, promover a dixitalización e facilitar a simplificación burocrática.
Na mesma liña, a directora xeral lembrou que a administración asume un rol de ponte entre a realidade do territorio e a política pública, fomentando que os galegos perciban todas as oportunidades do rural e se asente como un piar imprescindible para o futuro, tanto económico como social, ambiental e cultural de Galicia.