Nova

A Xunta participa na tradicional Festa dos Avós de Paradela, que suma 30 anos de historia

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, destacou o compromiso do Goberno galego co envellecemento activo


Paradela (Lugo), 28 de setembro de 2025

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, participou esta mañá na XXX edición da Festa dos Avós que organiza o Concello de Paradela. Neste evento, participaron centos de veciños e veciñas, que se reuniron para compartir unha comida popular no Centro Polifuncional Xesús Mato Mato.

Durante a xuntanza, Perfecto Rodríguez felicitou ao Concello de Paradela por levar tres décadas apostando por esta tradicional festa, que permite ás persoas maiores desfrutar dunha xornada de ocio e lecer. Tamén recordou o compromiso da Xunta co envellecemento activo e animou aos presentes a participar nos programas que ten o Goberno galego neste ámbito como Xuntos polo Nadal ou Benestar en Balnearios.

Neste sentido, apuntou que a prioridade do Executivo autonómico é garantir que as persoas maiores teñan a liberdade para decidir onde e como facerse maior, e contar cos servizos necesarios á súa disposición para que a súa saúde e benestar non se vexan comprometidos.