Nova

A Xunta pon en valor o labor da educación social en Galicia na sensibilización respecto á diversidade

O director xeral de Inclusión Social asistiu á IV Convivencia Interuniversitaria e Profesional da Educación Social que se celebra esta fin de semana na Serra do Xurés


Lobios (Ourense), 27 de setembro de 2025

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, participou mañá na IV Convivencia Universitaria e Profesional da Educación Social que se celebra na Serra do Xurés. O encontro, promovido polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia e coordinado pola Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo, reúne durante tres xornadas a máis de 200 persoas do ámbito académico e profesional da educación social de Galicia, Castela e León, Asturias e Portugal.

O director xeral destacou a importancia desta cita no eido da educación social pola oportunidade de xerar achegas construtivas á profesión tras o intercambio e reflexión conxunta entre ambas esferas, e puxo en valor o labor destes profesionais no desenvolvemento das persoas e comunidades e na sensibilización respecto á diversidade.

O evento analizará a importancia do acompañamento socioeducativo de calidade na infancia, adolescencia e familias vulnerables. Ademais, tamén tratará sobre a educación social escolar e os retos que afronta a educación social na actualidade.