Nova
A Xunta avala o papel das entidades sociais como piar fundamental do sistema de protección da infancia
Jacobo Rey salientou que o traballo do terceiro sector permite situar Galicia como segunda comunidade con mellores ratios de acollemento familiar e potenciando a súa visibilidade
Pontevedra, 26 de setembro de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou esta mañá o papel fundamental que desenvolven as entidades sociais no sistema de protección da infancia. Así o trasladou durante a apertura do 6º Congreso Galego de Adopción e Acollemento impulsado pola asociación Manaia.
O director xeral salientou a aposta da Xunta por ofrecer aos menores do sistema de protección da infancia a posibilidade de medrar nun fogar, para o que é imprescindible – dixo- o papel do terceiro sector. Así, puxo en valor o seu papel no impulso do acollemento familiar que sitúa a Galicia como a segunda comunidade coas mellores ratios nesta modalidade.
Jacobo Rey tamén puxo de relevo o acompañamento e o asesoramento que desenvolven as diferentes asociacións do sector ás familias en facetas como a adopción. Ademais, recalcou que o seu traballo nos últimos anos permitiu achegar este tipo de procedementos á cidadanía, facendo visible o papel que representan as unidades familiares e normalizando estas situacións.
A colaboración entre as entidades do terceiro sector e a Xunta son un garante – destacou- do bo funcionamento do sistema de protección. Deste xeito, sentenciou que desde o Executivo galego manterase a man tendida a todas as asociacións que busquen o mellor futuro para estes nenos e adolescentes.