Nova

A Xunta pon en marcha un proxecto de ‘Lectura Sénior’ na residencia de maiores das Gándaras, en Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explica que a Biblioteca pública autonómica achegará mensualmente ao centro libros, música, películas e outros recursos culturais seleccionados en base ás preferencias dos usuarios


Lugo, 26 de setembro de 2025

A Xunta pon en marcha na residencia de maiores das Gándaras o proxecto piloto Lectura Sénior, para fomentar o acceso dos usuarios a recursos culturais e de entretemento do seu interese.

Na iniciativa participa a Biblioteca pública autonómica de Lugo, que lles achegará periodicamente libros, música, películas e outros materiais seleccionados en base ás preferencias dos residentes.

O delegado territorial, Javier Arias, presentou o proxecto xunto cos directores territoriais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández; e de Política Social e Igualdade, Óscar Viñas. Ambos departamentos colaboran na actividade, que comeza nas Gándaras de forma experimental.

O obxectivo é favorecer a participación e a inclusión cultural das persoas maiores. Para iso, en primeiro lugar, avaliouse o nivel de interese entre os residentes, cun resultado positivo. A continuación, determináronse mediante enquisas os formatos preferidos –libros, audiolibros, cinema, música...-, as temáticas máis demandadas e a frecuencia coa que desexan acceder aos préstamos.

En base a estes cuestionarios, a Biblioteca fará unha selección de títulos que levará á residencia mensualmente. Ademais, tamén se procurará organizar visitas dos propios usuarios ás instalacións do centro, situado na avenida de Ramón Ferreiro.

Arias destacou as posibilidades que ofrece esta iniciativa aos participantes, “coas máximas facilidades para desfrutar de lecturas, música ou cinema do seu gusto dentro do extenso catálogo que xestiona a Biblioteca da Xunta”. A finalidade é contribuír a mellorar o benestar, a inclusión, a estimulación cognitiva e a socialización dos residentes. Unha vez analizado o funcionamento desta experiencia piloto, valorarase a posibilidade de estendela a outros centros da rede autonómica.