Nova
A Xunta inviste 30.000 € na mellora da zona exterior da escola infantil pública autonómica de Betanzos
Instalarase pavimento de caucho continuo na área de xogos e un novo valado para separar as aulas, e ademais mellorarase a impermeabilización da cuberta do patio posterior
Betanzos (A Coruña), 25 de setembro de 2025
O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, anunciou esta mañá un investimento de 30.000 euros na mellora do patio exterior e do patio posterior cuberto da escola infantil de Betanzos, pertencente á rede pública autonómica. Fíxoo durante unha vista ao centro na que estivo acompañado de membros da corporación local.
Perfecto Rodríguez sinalou que os traballos comezarán de inmediato e que, ao ser no exterior, non afectarán a actividade nas aulas. En concreto, as obras consistirán na instalación de pavimento de caucho continuo na zona de xogos, na colocación dun valado novo de separación de aulas no patio e na mellora da impermeabilización da cuberta do patio posterior para evitar filtracións de auga e humidades.
O xerente do Consorcio apuntou que esta actuación enmárcase no programa de melloras que ao longo de todo o ano se levan a cabo en equipamentos que dependen deste ente autonómico, tanto escolas infantís como centros de maiores. Tamén destacou a normalidade coa que comezou o novo curso 2025-2026 nas máis de 170 escolas de 0 a 3 anos que forman parte da rede da Xunta e nas que, un ano máis, a atención educativa é de balde. Un programa de gratuidade que o Goberno galego tamén desenvolve nos centros que dependen dos concellos, nos de iniciativa social e nos de titularidade privada.