Nova
Fabiola García esixe ao Goberno central información sobre o impacto en Galicia dos fallos detectados nas pulseiras antimaltrato
Pide ao Executivo “explicacións” sobre este caso, que pon en risco a seguridade das vítimas de violencia de xénero
Reclama ao Goberno central que dote ás comunidades autónomas de “máis medios e recursos” para a loita contra esta lacra
Madrid, 23 de setembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, esixiu esta mañá ao Goberno central que ofreza “explicacións convincentes” sobre os fallos detectados nas pulseiras antimaltrato e que “tome solucións inmediatas”. Na súa intervención no Senado, solicitou que se dea a Galicia e ao resto de comunidades autónomas información sobre o alcance real destas incidencias.
Fabiola García, que participou na sesión monográfica sobre violencia de xénero que tivo lugar hoxe no seo da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas, indicou que a Xunta está recompilando información sobre os posibles casos acontecidos en Galicia e garantiu o apoio do Goberno galego a todas aquelas vítimas que se puideron ver afectadas.
Na súa intervención, a conselleira de Política Social e Igualdade tamén reclamou ao Goberno central que dote ás comunidades autónomas de “máis medios e recursos” na loita contra a violencia de xénero. Neste sentido, solicitou máis presencia das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para disuadir aos potenciais agresores e para ofrecer unha maior seguridade. Ademais, incidiu na necesidade de impulsar unha lei estatal contra a trata e de acometer o reforzo xudicial, ante o incremento do número de denuncias.
Por último, Fabiola García puxo en valor as medidas en materia de loita contra a violencia de xénero que se desenvolven en Galicia, unha comunidade que, segundo destacou, “leva anos impulsando unha política moi activa, apostando pola sensibilización, a prevención e detección”. Neste sentido, asegurou que “cada vez hai máis mulleres que confían no sistema público de axudas e recursos da Xunta, que ofrece unha resposta eficaz e garantista ás vítimas”.