Nova
A Xunta destaca que Galicia é a única Comunidade que está preto do 65% de escolarización na etapa 0-3 e supera en 15 puntos a media estatal
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, subliña que o obxectivo é que Galicia sexa líder en matriculación por cuarto curso consecutivo
Santiago, 21 de setembro de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, visitou esta mañá as instalacións da escola infantil pública autonómica Santa Susana, onde a Xunta de Galicia investiu este ano 20.000 euros en obras de mellora.
Na súa visita, destacou que a Xunta destina máis de 65M€ de fondos propios á gratuidade, que permite aos pais aforrar máis de 3.000 euros por fillo. Así mesmo, destacou que catro anos despois da súa implantación, Galicia segue a ser a única comunidade autónoma que ofrece oito horas diarias de atención educativa de balde durante once meses ao ano.
O director xeral indicou que o Goberno galego se marca como obxectivo para este novo curso que a nosa comunidade volva ser líder de escolarización 0-3 anos. Na actualidade, a taxa de matriculación neste primeiro ciclo de Educación Infantil aproxímase ao 65%, 15 puntos por riba da media estatal.