Nova
A Xunta sinala que Galicia é pioneira na posta en marcha de recursos públicos para a atención de doentes de alzhéimer
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria tamén puxo en valor o traballo que desenvolven as entidades sociais deste ámbito que desenvolven un labor fundamental na visibilización desta enfermidade
Lugo, 21 de setembro de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou con motivo do Día Mundial do Alzhéimer as instalacións do centro de día para persoas con esta doenza de Lugo. Este é un dos dez recursos públicos impulsados pola Xunta e que conforman unha rede específica que é pioneira no conxunto de España.
A rede de centros de día de Alzhéimer impulsada pola Xunta conta cunha decena de recursos en toda a comunidade, a través dos cales se presta unha atención diaria e personalizada a 560 persoas. Trátase dun servizo público que conta con profesionais especializados nesta doenza e cun itinerario preparado para mellorar as capacidades cognitivas dos usuarios e previr o seu deterioro.
Antón Acevedo agradeceu o labor que desenvolven as entidades sociais, como Afalu que coordina os centros de Lugo e Ourense, e que traballan cada día cos usuarios, desenvolvendo un labor que é fundamental na atención a esta doenza e tamén no asesoramento das familias. Deste xeito, trasladou que o papel do tecido asociativo é moi importante para seguir impulsando a investigación e dando visibilidade a esta patoloxía que afecta a uns 70.000 galegos.