Nova
Fabiola García anima á cidadanía a facer achegas á futura Lei de violencia dixital, aberta a consulta pública ata o vindeiro 1 de outubro
Ademais, presentou e explicou á mocidade cales son os recursos da Xunta de Galicia á mocidade para asesorar e acompañar ante calquera tipo de violencia sobre as mulleres e a comunidade LGBTI
A Coruña, 18 de setembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou esta mañá o punto informativo dos centros Quérote+ na Universidade da Coruña e conversou co alumnado e a comunidade educativa que se achegaron para coñecer o funcionamento deste recurso. Desde alí, fixo un chamamento á cidadanía para animala a facer achegas á futura Lei de acoso e violencia dixital, que estará en consulta pública ata o 1 de outubro.
Fabiola García tivo ocasión de presentar ao alumnado os recursos que a Xunta pon a disposición da mocidade para sensibilizar, previr e detectar a violencia de xénero, así como recursos específicos como os Quérote+ para asesoralos sobre as relacións igualitarias, respectuosas no bo trato e en materia LGBTI.
A conselleira lembrou que calquera persoa que o precise pode achegarse a este servizo ou a calquera outro da Xunta de Galicia, como os Centros de Información á Muller, onde poderán recibir axuda, información e mesmo acompañamento de xeito gratuíto. Deste xeito, indicou que ademais do traballo que realizan de xeito presencial, tamén contan con canles específicas para mensaxería e videochamadas.
Nesta liña, Fabiola García indicou que o Executivo galego quere estar presente en todos os eidos para combater calquera tipo de violencia, para o que é fundamental – dixo- actuar na contorna dixital. Por iso mesmo, lembrou que a Xunta está traballando na primeira Lei de violencia dixital de España, que permitirá dar protección integral ás vítimas de agresións na rede, tipificar os delitos e combatelos.
Ademais, a conselleira trasladoulle algúns dos aspectos principais desta futura norma que permitirán actuar de xeito integral sobre calquera violencia como o borrado da pegada dixital ou servizos de asesoramento para identificar os delitos e facilitar a súa denuncia.
Puntos informativos nos campus
O servizo Quérote+ sumouse, deste xeito, ás xornadas de benvida que organizan as universidades galegas no inicio do curso para dar a coñecer o funcionamento e actividades que a Xunta desenvolve a través deste recurso.
Con esta finalidade, instaláronse mesas informativas nos campus e organizáronse obradoiros sobre ‘O coidado dos vínculos afectivos’, nos que se abordan as relacións igualitarias, respectuosas e o bo trato. No curso anterior, segundo os datos facilitados polas respectivas universidades, as xornadas de benvida recibiron a un total de 4.500 persoas mozas, datos que se estiman semellantes no curso que se vén de iniciar.
Directorio Centros Quérote+
| Centros Quérote+ | Enderezo | Teléfono |
|---|---|---|
| Centro Quérote+ A Coruña | Avenida Linares Rivas, 28 8º | 981 223 913 |
| Centro Quérote+ Lugo | Canella da Deputación, s/n | 982 241 732 |
| Centro Quérote+ Santiago | Rúa Ramón Piñeiro, 17-19 baixo | 881 997 613 |
| Centro Quérote+ Ourense | Rúa Celso Emilia Ferreiro, 27 4º | 988 231 470 |
| Centro Quérote+ Vigo | Rúa Ferrería, 41 | 986 095 977 |