Nova

A Xunta defende que a implantación de novas medidas permitiu crear un sistema autonómico de protección máis inclusivo e desinstitucionalizado

Jacobo Rey explicou que o modelo galego se caracteriza polas pequenas unidades de convivencia fronte aos tradicionais centros de menores

Tamén lembrou que nos últimos anos o Executivo autonómico mudou as formas de contratación para dar maior prioridade á calidade do servizo

Na súa intervención sinalou a aposta de Galicia polos programas de prevención das situacións de risco


Madrid, 18 de setembro de 2025

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá na xornada El camino hacia la hogarización del sistema de protección: retos y oportunidades, que organiza a Plataforma de Organizacións pola infancia. Durante a súa quenda, defendeu que a implantación nos últimos anos de novas medidas e programas permitiu construír un sistema autonómico de protección máis inclusivo e desinstitucionalizado.

Jacobo Rey explicou que en Galicia non existen os tradicionais centros de menores, senón que – dixo- se aposta pola creación de pequenas unidades de convivencia espalladas por toda a Comunidade. Deste xeito, sinalou que se potencia un ambiente familiar e próximo no que se mellora a atención aos nenos e adolescentes, ao tempo que se reforza a súa integración.

Ademais dun cambio no modelo de convivencia, na súa intervención sinalou que o Executivo autonómico mudou tamén o sistema de contratación apostando polo concerto social. Así, explicou que esta fórmula dá prioridade á calidade do servizo e aos programas e proxectos destinados aos menores por parte das entidades fronte ao custo da prestación.

O director xeral recordou que outro dos piares fundamentais do sistema de protección galego é a aposta polos programas de prevención das situacións de risco e que son esenciais para evitar que en moitos casos os nenos e adolescentes sexan separados da súa contorna. Neste senso, indicou que é moi importante a colaboración interinstitucional e social que permita detectar casos específicos e potenciar tamén a reintegración destes menores.

Así mesmo, Jacobo Rey explicou que os cambios motivados nos últimos anos sobre a protección de menores supuxeron un paso adiante no acollemento familiar como fórmula principal neste eido. Por iso, trasladou as melloras impulsadas pola Xunta como a suba das contías económicas ás familias ou os beneficios sociais, que permiten a Galicia ser a segunda comunidade coas mellores ratios nesta modalidade.