Nova
A Xunta destaca o papel da sección feminina do Victoria FC como un referente da igualdade de xénero no deporte
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, salientou que a presenza das mulleres en todas as facetas sociais é o piar fundamental dunha sociedade máis igualitaria
Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2025
A directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou esta tarde na gala do 10º aniversario da sección feminina do Victoria FC. Alí, destacou o importante papel deste equipo na promoción da igualdade de xénero no deporte, sendo un referente – dixo- para moitas nenas e adolescentes e, tamén, para moitos nenos e rapaces.
A directora xeral trasladou os seus parabéns e os de toda a Xunta ás xogadoras e equipo técnico e agradeceu o seu labor para construír unha Galicia máis igualitaria, especialmente para as novas xeracións. Neste senso, salientou que a presenza das mulleres no deporte, ao igual que no resto de facetas sociais, é o piar fundamental dunha sociedade que camiña cara á igualdade de xénero.
María Quintiana sinalou que nos últimos anos se avanzou moito no eido da igualdade entre mulleres e homes no deporte, pero lembrou que segue sendo necesaria a acción de todos os axentes sociais para seguir dando pasos adiante. Neste sentido, afirmou que todas as administracións públicas e entidades privadas precisan camiñar da man para favorecer que os equipos femininos de todos os deportes teñan o apoio e ocupen o lugar que lles corresponde, porque tamén é deles.