Nova

A Xunta destaca o traballo de ENKI en favor da inclusión das persoas con discapacidade por medio do deporte

O responsable autonómico de Familia sinala que este evento “é moito máis que deporte, é diversión, é coñecer xente e facer novos amigos e, sobre todo, é inclusión” 

O Goberno galego achegou a ENKI o ano pasado 295.000 euros, a través da orde de axudas do IRPF, un 50% máis que na convocatoria anterior


A Coruña, 17 de setembro de 2025 

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, destacou hoxe os avances a favor da inclusión conseguidos por ENKI nos seus dez anos de traxectoria. Fíxoo na presentación dunha nova edición da carreira anual que organiza esta entidade e que se celebrará o sábado 18 de outubro na Coruña baixo a lenda Se o teu sono é un mundo máis inclusivo, ponte en movemento. 

Jacobo Rey sinalou que a carreira de ENKI “é moito máis que un evento deportivo, é diversión, é coñecer xente e facer novos amigos e, sobre, é inclusión”. Así mesmo, indicou que este evento demostra que “o deporte é para todos, sen excepción, e que as persoas con discapacidade queren, merecen e poden participar nel e acadar todos os retos que se propoñan”.

Nesta liña, o director xeral de Familia manifestou que a Xunta destina cada ano máis recursos a fomentar este tipo de iniciativas, que eliminan fronteiras e promoven a inclusión por medio do deporte. Así, a Consellería de Política Social e Igualdade achegou a ENKI o ano pasado 295.000 euros a través da orde de axudas do IRPF de 2024, un 50% máis que na convocatoria anterior.