Nova

A Xunta financia a reforma do patio exterior da escola infantil pública autonómica de Ortigueira

Destináronse 16.000 a estes traballos, que forman parte do programa de melloras que se levan a cabo ao longo de todo o ano en escolas infantís e centros de maiores


Ortigueira (A Coruña), 16 de setembro de 2025

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, comprobou esta mañá o resultado dos traballos de mellora realizados durante o verán na escola infantil de Ortigueira, pertencente á rede pública autonómica. Na visita tamén participou o alcalde do concello, Valentín Calvín.

As obras consistiron na reforma do patio exterior do centro, onde se instalou novo pavimento de caucho continuo en substitución do de lousas para mellorar a seguridade das nenas e nenos. A Xunta financiou con preto de 16.000 euros esta actuación, executada polo Concello, e que se enmarca na programa de mellora que o Consorcio leva a cabo ao longo de todo o ano nos seus equipamentos, tanto nas escolas infantís como nos centros de maiores.

Por outra parte, Perfecto Rodríguez, informou de que o curso que vén de comezar fíxoo con total normalidade nas máis de 170 escolas de 0 a 3 anos que dependen da Xunta de Galicia. Tamén destacou que en Galicia, un ano máis, a atención educativa no primeiro ciclo de Educación Infantil é gratuíta para o 100% do alumando e en todos os centros, sexan públicos, de iniciativa social ou de titularidade privada.