Nova

Fabiola García avanza que a Xunta está ultimando os preparativos para o traslado do punto de encontro familiar da Coruña

A Xunta investiu máis de medio millón de euros neste proxecto para o novo punto, que contará con cinco salas diferentes e espazos máis amplos para as familias


A Coruña, 12 de setembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, coñeceu as novas instalacións nas que se localizará o Punto de Encontro Familiar (PEF) da Coruña e que en breve poderá comezar a súa actividade. As actuacións que está realizando a Xunta suporán o traslado deste recurso á planta baixa do edificio F do complexo das Xubias.

Na súa visita, Fabiola García lembrou que a Xunta de Galicia investiu máis de medio millón de euros nas obras de adecuación do novo espazo co obxectivo de garantir unha mellor comodidade. Ademais, o PEF contará con máis salas para o uso das familias usuarias deste servizo.

Nesta liña, fixo fincapé en que as obras realizadas neste novo espazo permitirán adaptalo ás necesidades existentes, ao tempo que gañará en eficiencia enerxética e que proporcionará unha maior confortabilidade térmica no interior.