Nova

Fabiola García avanza que o concello de Pantón contará proximamente coa súa primeira residencia de maiores, que suma 36 novas prazas

A conselleira de Política Social e Igualdade sinalou a importancia de que os concellos rurais conten con este tipo de servizos garantindo que as persoas dependentes poidan ser coidadas onde desexen


Pantón (Lugo), 13 de agosto de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada do alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, visitou as obras da que será a primeira residencia de maiores deste concello e que se atopan na recta final. O centro que constrúe a Fundación San Rosendo suporá a creación de 36 novas prazas de atención e coidado.

O futuro centro residencial de Pantón que pronto poderá abrir as súas portas, conta con catro andares e suporá a creación de 36 prazas específicas de atención e coidado, que estarán divididas en dúas unidades de convivencia con 18 usuarios en cada unha. Ademais, para garantir o funcionamento da residencia e o coidado e benestar dos maiores, crearanse 25 postos de traballo.

Durante a visita, a conselleira destacou a importancia da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación San Rosendo para impulsar proxectos coma este, que permitan aos concellos rurais contar con servizos específicos para os maiores. Deste xeito, lembrou que o Executivo galego  aposta por un modelo de coidados no que as persoas maiores poidan escoller onde queren vivir esa etapa das súas vidas, para o que é fundamental – dixo- a creación deste tipo de recursos.

Neste sentido, fixo fincapé no compromiso da Xunta para garantir a mellor atención ás persoas maiores e dando resposta as súas demandas e necesidades. Por iso, lembrou a posta en marcha de medidas pioneiras como o Bono Coidado no Fogar e que xa beneficia – sinalou- a 33.000 usuarios en Galicia. Así, recalcou que se trata dunha axuda económica directa de 5.000 euros anuais para que as persoas beneficiarias poidan ser atendidas na súa contorna e que cada vez solicitan máis dependentes na nosa comunidade.