Nova
Fabiola García anuncia que a Xunta busca xa localizacións para acoller aos menores migrantes que o Goberno central quere trasladar a Galicia
A conselleira lamenta que a imposición do Executivo central obrigue a crear recursos e centros específicos e a “romper co sistema de protección de menores inclusivo e integrador” que Galicia leva anos impulsando
Destaca que solicitará a colaboración doutras administracións e lembra que xa se reuniu con representantes do sistema de protección
Avanza que esta mañá recibíronse tres novos expedientes de menores migrantes, polo que xa son cinco os que o Goberno quere trasladar a Galicia, aos que se suma outro grupo de 15 solicitantes de asilo
Vigo, 11 de setembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou esta mañá que a Xunta de Galicia vese obrigada a modificar o seu sistema de protección da infancia e a crear recursos e centros específicos para a atención dos menores migrantes que o Goberno central vai trasladar a Galicia. Durante a visita realizada á escola infantil pública autonómica da Cidade da Xustiza, destacou que a Xunta está buscando xa posibles localizacións para acoller a estes menores.
Fabiola García avanzou, ademais, que esta mesma mañá recibíronse tres novos expedientes de adolescentes que forman parte do grupo de 317 que o Goberno central quere trasladar á comunidade galega. Polo que, sumados aos dous remitidos o xoves, xa son cinco os menores dos que a Xunta ten constancia. A esta cifra súmase o grupo de 15 menores estranxeiros solicitantes de asilo que o Goberno central debe acoller por orde do Tribunal Supremo e que tamén vai trasladar a Galicia.
Na súa intervención, a conselleira lamentou que, deste xeito, o Executivo central “rompe definitivamente o sistema de protección integrador que é sinal de identidade de Galicia”, obrigando á Xunta a saírse do modelo que leva anos impulsando e que definiu como “un dos máis inclusivos de España, no que todos os menores conviven nos recursos da Xunta sen facer distincións pola súa procedencia”.
Ante este escenario, avanzou que a Xunta busca xa posibles localizacións nas que acoller e atender a estes adolescentes. Un proceso no que, asegurou, “solicitaremos a colaboración doutras administracións para traballar xuntos”. Neste sentido, lembrou que a semana pasada xa se realizaron os primeiros contactos con entidades sociais do sistema de protección da infancia e a adolescencia, ás que a conselleira de Política Social e Igualdade informou da situación.
Visita á escola infantil
A conselleira visitou esta mañá a escola infantil pública autonómica da Cidade da Xustiza, para comprobar como avanza o inicio do curso escolar e o período de adaptación. Esta escola, posta en marcha en 2023, conta con 41 prazas e 100% de ocupación. No acto, lembrou que o obxectivo do Goberno galego e consolidar a Galicia como líder absoluto de escolarización na etapa 0-3 por cuarto curso consecutivo.