Nova

A Xunta anuncia que recibiu hoxe comunicación sobre os dous primeiros menores migrantes dos 317 que Galicia terá que acoller por imposición do Goberno central

A maiores, a conselleira de Política Social e Igualdade tamén denunciou que coñeceu de xeito extraoficial o traslado a Galicia doutros 15 menores do grupo de solicitantes de asilo que o Executivo central debe atender por orde do Supremo


Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2025

 A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou esta tarde no Parlamento que a Xunta recibiu hoxe os dous primeiros expedientes de menores migrantes non acompañados dos 317 que Galicia terá que acoller por imposición do Goberno central. 

A conselleira avanzou que son dous varóns “que están a piques de cumprir a maioría de idade”. Ambos están nestes momentos nas Illas Canarias e proceden de Gambia e Senegal. Con todo, Fabiola García sinalou que o Executivo galego non ten coñecemento sobre as datas previstas para o seu traslado. 

Fabiola García lamentou o reparto “arbitrario e sen consenso coas comunidades autónomas”. Por iso mesmo, denunciou que  esta imposición só responde aos pactos do Goberno central cos seus socios parlamentarios;  xa que mentres que Galicia se vería obrigada a acoller 317 menores, nin o País Vasco nin Cataluña terían que acoller ningún. Sobre esta situación, lembrou que Galicia, xunto a outras 10 comunidades de distinto signo político, ten presentado un recurso ante o Tribunal Constitucional, ao tempo que sinalou que seguirá a recorrer en todas as instancias os decretos e normativas que o Executivo central siga impoñendo nesta materia.

Menores estranxeiros solicitantes de asilo

Por outra parte, Fabiola García tamén avanzou que esta tarde a Xunta tivo coñecemento de xeito extraoficial de que o Goberno central enviará a Galicia outros 15 menores estranxeiros.  Estes últimos, segundo explicou, forman parte dun grupo de adolescentes migrantes solicitantes de asilo que o Goberno central debe acoller por orde do Tribunal Supremo.

Nesta liña, a conselleira de Política Social e Igualdade denunciou que o Goberno central actúa novamente “pola porta de atrás” ao  derivar estes casos ás comunidades, que deberán asumir a súa atención sanitaria e a súa integración no sistema educativo.