Nova

Máis de 6.000 persoas solicitaron xa o Bono Concilia Familia para financiar campamentos de verán, ludotecas ou coidadores a domicilio

O Executivo galego destina máis de 2,5M€ a esta orde de axudas, cuxo prazo estará aberto ata o 8 de outubro e que o pasado ano chegou a máis de 15.000 familias galegas

Como novidade, e dentro dos máximos establecidos, o Bono pasará a cubrir o 100% do custo naquelas familias de especial consideración: monoparentais, numerosas, de acollida ou nas que conten cun cativo con discapacidade


Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2025

Nas primeiras 24 horas desde a apertura do prazo, máis de 6.000 persoas cumprimentaron xa os trámites para solicitar o Bono Concilia Familia. Este programa da Xunta está pensado para que os pais e as nais que traballan poidan atender as súas necesidades de conciliación en períodos non lectivos. En 2024, este bono chegou a máis de 15.000 familias galegas.

O Goberno galego inviste máis de 2,5M€ nesta convocatoria, que estará aberta ata o vindeiro 8 de outubro. Cómpre lembrar que o Bono Concilia Familia é unha achega económica directa destinada ás familias con fillos de ata 13 anos (nados entre o 1 de xaneiro de 2012 e o 31 de decembro de 2021) e nas que ambos proxenitores traballan, co obxectivo de contribuír a sufragar os custos dos servizos de conciliación como coidadores, ludotecas ou campamentos.

Concretamente, o Bono Concilia Familia ofrece achegas económicas de ata 500 euros para a contratación dunha persoa a domicilio ou de 200 euros por fillo ou filla para sufragar os custos de recursos e servizos específicos como as ludotecas, os campamentos ou os espazos de lecer e actividades para nenos.

A axuda cobre un máximo do 75% do servizo aboado pola familia, pero, como novidade nesta edición, amplíase ao 100% do servizo no caso de familias numerosas, familias monoparentais, familias acolledoras, familias con garda con fins adoptivos, familias nas que un ou varios fillos ou fillas convivintes teñan unha  discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33% ou familias vítimas de violencia de xénero.