Nova

A Xunta realiza melloras por importe de preto de 2 M€ nas súas escolas infantís de cara ao inicio do curso, que de novo é gratuíto para as familias galegas

O obxectivo é poñer á disposición das familias os mellores espazos para a atención e o coidado dos seus fillos e fillas

Galicia segue a ser a única Comunidade Autónoma que ofrece de balde a atención educativa de 0 a 3 anos 8 horas ao día durante 11 meses ao ano


Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2025

A Xunta de Galicia vén de rematar as actuacións impulsadas para a posta a punto das súas escolas infantís de cara ao inicio do curso escolar 2025-2026. Un período no que, por cuarto ano consecutivo, a atención educativa é completamente gratuíta para as familias en todos os centros, tanto públicos, como privados ou de iniciativa social. Concretamente, o Executivo autonómico destinou case dous millóns de euros a obras de mellora na rede pública autonómica de centros de 0 a 3 anos que se acometeron durante o período estival.

O obxectivo das actuacións realizadas nos centros da rede pública autonómica é poñer á disposición das familias os mellores espazos para a atención e coidado dos nenos e nenas. Deste xeito, e aproveitando os meses de verán, leváronse a cabo intervencións de pequena e mediana envergadura que teñen como finalidade mellorar o confort do alumnado e profesorado e do persoal.

Entre os arranxos e reformas necesarias no funcionamento do día a día dos centros realizáronse melloras en zonas exteriores, actuacións de eficiencia enerxética, cambio de cubertas, renovación de equipamentos ou adaptación de espazos interiores, entre outras tarefas. Por parte do  Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar destacan as actuacións realizadas nas escolas infantís de Vigo, A Coruña, Ferrol, Ares, Cambre ou Porto do Son. Pola súa banda, a Axencia Galega de Servizos Sociais acometeu reformas nas escolas de Ribadeo, Oza e O Ventorrillo (na Coruña) ou na escola infantil Virxe da Covadonga, en Ourense.

Aposta pola conciliación gratuíta

O novo curso, que comezou de xeito oficial o pasado venres, é o cuarto no que as familias non terán que pagar nada pola escola infantil dos seus fillos, vaian a unha pública, de iniciativa social ou privada. Neste sentido, cómpre lembrar que Galicia segue a ser a única Comunidade Autónoma que ofrece de balde a atención educativa de 0 a 3 anos 8 horas ao día durante 11 meses ao ano.

A Xunta inviste 65M€ de fondos propios nesta aposta pola conciliación gratuíta da que se poden beneficiar máis de 32.000 familias, para as que supón un aforro medio de máis de 3.000 euros por fillo. O obxectivo que se marca o Goberno galego é que no curso 2025-2026 Galicia continúe sendo líder en escolarización neste primeiro ciclo de Educación Infantil, no que conta xa cun 65% de matriculados, situándose 15 puntos por riba da media estatal.