Nova
A Xunta completa a renovación de aulas, da sala de usos múltiples e do comedor da escola infantil pública de Carnota
Destináronse 30.000 a estas melloras, que son froito dun convenio de colaboración entre a Administración autonómica e a local
Carnota (A Coruña), 4 de setembro de 2025
A Xunta financiou con 30.000 euros diferentes actuacións de mellora e acondicionamento da escola infantil de Carnota, que se acometeron durante este verán aproveitando o período non lectivo. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou esta mañá o centro para comprobar o resultado destas obras, xunto co alcalde do concello, José Manuel Saborido.
Perfecto Rodríguez sinalou que con esta intervención se melloran notablemente os espazos da escola en beneficio da comodidade do seu persoal, alumnado e familias. Deste xeito, o centro comezará mañá, venres, o novo curso con dúas das súas aulas, a sala de usos múltiples e o comedor renovados, coa colocación nestes espazos de novo pavimento de PVC. Ademais, as obras incluíron o pintado das paredes e do equipamento.
O Consorcio financiou de maneira íntegra esta actuación, a través dun convenio de colaboración asinado no seu día co Concello, que foi o encargado de contratar e realizar os traballos.
Esta actuación enmárcase no programa de melloras de recursos que forman parte da rede publica do ente autonómico, tanto escolas infantís como centros de maiores. Este tipo de intervencións lévanse a cabo ao longo de todo o ano e, no caso das escolas, aprovéitanse, sempre que é posible, os períodos non lectivos para executalas.