Nova
A Xunta pon en valor o traballo das Hermanas Oblatas de Ferrol que no que vai de ano atenderon a 250 persoas vítimas de trata e explotación sexual
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, visitaron esta mañá o centro de día O´Mencer onde coñeceron os proxectos que xestiona a entidade co apoio autonómico
A asociación é unha das 13 entidades galegas beneficiarias este ano das axudas para proxectos de atención social integral para persoas en situación de explotación sexual e de información, prevención e sensibilización da Consellería de Política Social e Igualdade
Ferrol, 4 de setembro de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o director xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, puxeron en valor o traballo das Hermanas Oblatas de Ferrol que, no que vai de ano atenderon a máis de 250 persoas -mulleres, homes e persoas non binarias- vítimas de trata e explotación sexual.
Ambos responsables visitaron hoxe o centro de día Oblatas O´Mencer onde coñeceron dous dos proxectos xestionados pola asociación con cargo ás axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de proxectos de atención social dirixidos a persoas en situación de explotación sexual e de proxectos de información, prevención e sensibilización da Consellería de Política Social e Igualdade.
Un deles é o proxecto Roniera financiado cunha achega de preto de 47.000 euros a través do que prestan atención psicolóxica, xurídica, social e laboral -con cursos formativos- a persoas en situación de explotación sexual, preferentemente inmigrantes ou vítimas de trata de seres humanos.
O programa, que se desenvolveu nos municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, ademais de en varias localidades da provincia lucense e atendeu a 59 persoas no que vai de ano, dá cobertura tanto a atención en pisos de acollida como en sedes de Cáritas locais, segundo explicou o coordinador do centro de día O’Mencer, Roberto Ferreiro, achegando deste xeito os recursos ás vitimas no seu propio territorio.
A entidade tamén resultou beneficiaria doutra axuda de 14.477 euros coa que desenvolveu o programa de sensibilización fronte á trata de mulleres en Galicia Trocando a ollada co que puxeron en marcha exposicións e levaron a cabo charlas informativas en centros educativos.
Un orzamento de 630.000 euros
As Hermanas Oblatas é unha das 13 entidades de toda Galicia que se beneficiaron este ano das axudas para proxectos de atención social integral para persoas en situación de explotación sexual e de información, prevención e sensibilización ás que o Goberno galego destinou un orzamento de 630.000 euros.
Tal e como lembrou a delegada territorial, estas axudas enmárcanse no conxunto de actuacións que a Xunta vén mantendo desde hai anos para garantir a protección das vítimas a través de protocolos de detección destes casos e a derivación das vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual a profesionais de distintos ámbitos que lles axuden a acceder a recursos de asistencia especializados.