Nova
A Xunta renova a súa colaboración con Acougo para o fomento da corresponsabilidade e a conciliación das familias con nenas e nenos en acollemento
A directora xeral de Promoción da igualdade, María Quintiana, visitou hoxe as nenas e nenos que participan no campamento de verán organizado este ano en Palas de Rei
Palas de Rei (Lugo), 2 de setembro de 2025
A Xunta de Galicia renova, por terceiro ano consecutivo, o convenio de colaboración coa Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo) para o desenvolvemento de actividades destinadas a nenas e nenos do sistema de protección e as súas familias de acollida e de orixe.
A directora xeral de Promoción da igualdade, María Quintiana, visitou hoxe unha das actividades deste programa, o campamento de verán Agarimos, que se celebra en Palas de Rei. As instalacións xuvenís Os Chacotes acollen estes días a un grupo de nenas e nenos de entre 8 e 12 anos.
A colaboración da Xunta con Acougo en materia de corresponsabilidade ascende neste ano 2025 a 174.000 euros, dos que 134.000 son achegados a través dun convenio de colaboración e os 40.000 restantes, a través da liña de axudas a entidades de iniciativa social do Plan Corresponsables, cofinanciado entre Xunta e Goberno de España a través do Ministerio de Igualdad.