Nova
Rueda resalta que o Bono Coidado no Fogar beneficia xa a 33.000 persoas e permitiu duplicar o número de dependentes que son atendidos na contorna familiar
Salienta a boa acollida desta axuda directa de 5.000€ anuais para todos os dependentes atendidos no seu domicilio sen importar o seu nivel económico
Destaca que catro de cada dez dependentes galegos con dereito a prestación ou servizo xa contan con esta achega
A nosa Comunidade rexistra máis de 86.000 dependentes atendidos na actualidade, o que supón unha ratio de cobertura do 98,6%
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Bono Coidado no Fogar xa chega a 33.000 persoas dependentes ano e medio despois da súa implantación, o que supón que Galicia duplicou o número de dependentes que reciben atención na contorna familiar.
Uns datos incluídos nun informe da Consellería de Política Social e Igualdade -avaliado hoxe en Consello- sobre esta medida, que segundo lembrou o presidente consiste nunha axuda de 5.000 euros ao ano para os dependentes que son coidados nos seus domicilios por un familiar ou calquera outra persoa do seu contorno relacional.
Esta iniciativa permitiu avanzar cara á universalización dos coidados, xa que a reciben todas as persoas que queiran seguir sendo atendidas nas súa casas, independentemente do seu grao de dependencia e do seu nivel económico. De feito, tal e como sinalou o presidente do Goberno galego, “catro de cada dez” dependentes galegos cun servizo ou prestación teñen o Bono Coidado no Fogar, o que demostra a “boa acollida” desta medida e que responde á preferencia maioritaria dos galegos de permanecer no seu contorno e ser coidados por persoas da súa confianza.
O informe tamén sinala que Galicia conta na actualidade con máis de 86.000 dependentes atendidos, o que sitúa a ratio de cobertura da Comunidade entre as máis elevadas de España, cun 98,6%. Rueda resaltou que obxectivo que se fixa a Xunta é “chegar ás 90.000 persoas atendidas” con servizos e prestacións este mesmo ano, o que suporá un importante esforzo orzamentario.
O presidente destacou que, para isto, é necesario que o Goberno central cumpra coa Lei de dependencia e financie o 50% do custo dos servizos. Unha porcentaxe que non soamente está lonxe de acadar, senón que está a diminuír, xa que a achega do Executivo de Pedro Sánchez pasou do 40% en 2023 a apenas o 34% o ano pasado.