Nova

A Xunta financia con máis de 90.000 € obras de mellora na escola infantil de Burela

Este verán deuse continuidade aos traballos de renovación das fachadas do edificio, cos que se está a mellorar o seu illamento térmico e climatización


Burela (Lugo), 28 de agosto de 2025

A Xunta acometeu este verán novas obras de mellora na escola infantil de Burela, coa finalidade de dar continuidade á renovación da fachada exterior do centro que se está acometendo por fases e á que se destinan máis de 90.000 euros. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, comprobou hoxe o resultado dos traballos, xunto con responsables municipais.

Así, nunha primeira fase xa se acometeu a mellora dunha parte da fachada, a correspondente coa parte do inmoble na que se sitúan as aulas 2-3. Esta intervención incluíu a substitución da carpintería de aluminio de toda esta zona para mellorar o illamento e a climatización. A nova intervención levada a cabo centrouse na zona da fachada da parte do comedor e completarase, de cara ao verán que ven, coa renovación da parte da envolvente na que se sitúan o resto das aulas da escola.

Perfecto Rodríguez explicou que esta actuación estase a acometer por fases durante a época estival debido a que se trata dun centro de gran dimensión e para que as obras non interfiran coa actividade do curso escolar. Ademais, enmarcouna nas melloras que se están a realizar nas escolas infantís do Consorcio. Neste caso, é o Concello de Burela o encargado de contratar e executar as intervencións, que o ente autonómico financia con cargo ás liquidacións pola prestación do servizo.