Nova

A Xunta financia con preto de 55.000 euros as melloras das cubertas e fachadas das dúas escolas infantís que ten no Porriño

O obxectivo é mellorar o illamento térmico fronte a humidades e favorecer o aforro enerxético dos centros, situados no polígono de Torneiros e na rúa Doantes de Sangue


O Porriño (Pontevedra), 26 de agosto de 2025

A Xunta financiou as obras de mellora levadas a cabo durante este verán nas dúas escolas infantís da rede pública autonómica que ten en funcionamento no Porriño e nas que se investiron preto de 55.000 euros. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, xunto co alcalde do concello, Manuel Alejandro Lorenzo, comprobou esta mañá o resultado destes traballos cos que o centro se renova de cara ao inicio do novo curso escolar, que terá lugar o vindeiro día 5 de setembro.

As obras centráronse nas cubertas e fachadas das dúas escolas, situadas no polígono de Torneiros e na rúa Doantes de Sangue, e consistiron na substitución de materiais obsoletos, coa finalidade de mellorar o illamento térmico fronte a humidades e de favorecer o aforro enerxético. 

En concreto, na escola de Torneiros renovouse a cuberta e as baixantes correspondentes á zona das aulas e iniciouse a instalación dun sistema de climatización no inmoble, que se está a executar por fases. Nesta primeira realizouse a intervención no espazo de usos múltiples. Pola súa parte, na escola infantil Doantes de Sangue realizáronse melloras nas baixantes de cuberta e en fachadas para evitar filtracións de humidades no inverno.

Perfecto Rodríguez explicou que estas intervencións forman parte do programa de melloras que se desenvolven nos equipamentos que integran a rede pública do Consorcio, tanto escolas infantís como centros de día, e que se realizan en colaboración coas administracións locais. Así, foi o Concello do Porriño o encargado da contratación e execución dos traballos nas dúas escolas infantís, que financia o Consorcio con cargo ás liquidacións pola prestación do servizo.

Neste sentido, o xerente do Consorcio destacou a importancia da colaboración entre Xunta e Concellos para poñer á disposición das familias instalacións e servizos de calidade. Con este obxectivo, ao longo deste verán, o ente autonómico financiou actuacións en escolas infantís e centros de maiores de toda Galicia.

Centro de día

Por outro lado, o xerente do Consorcio e o alcalde aproveitaron para visitar o centro de día de Torneiros, no que tamén se realizaron obras de mellora. Estas consistiron na renovación completa do valado exterior, e tiveron un custo de 26.300 euros.