Nova

A Xunta colabora coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí para o desenvolvemento do programa ‘Vacacións en Paz’

O Goberno galego achega 200.000 euros a través de dous convenios, un da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e outro da Consellería de Política Social e Igualdade

O programa consiste no traslado de máis dun cento de menores procedentes dos campamentos de refuxiados de Tindouf para pasar os dous meses de verán de acollida por familias galegas


Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2025

A Xunta activa os convenios de colaboración coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos menores participantes no programa Vacacións en Paz. A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes asinou un convenio con importe de 100.000 euros para apoiar o programa, que cada ano traslada 113 menores saharauís procedentes dos campamentos de refuxiados de Tindouf, en Alxeria, para pasar dous meses de verán en acollida por familias galegas.

Este convenio é complementario con outro asinado pola Consellería de Política Social e Igualdade, do mesmo importe, o que suma unha achega total de 200.000 euros por parte do Goberno galego.

A SOGAPS é a única asociación galega recoñecida polas autoridades saharauís para a realización de proxectos nos campamentos de refuxiados en apoio da súa poboación. Dende hai anos colabora en diversas iniciativas para, entre outros obxectivos, garantir a seguridade alimentaria, así como apoiar o sistema sanitario e a atención primaria ou a protección da infancia, onde se enmarca o programa Vacacións en Paz.

A Consellería de Política Social financia o programa, mentres que a participación da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes céntrase en apoiar intervencións no sector sanitario e de seguridade alimentaria nos campamentos de refuxiados. Este ano colaboraron ambas as consellerías para garantir o traslado dos 113 nenos e nenas saharauís durante o verán.

Apoio ao pobo saharauí

A Xunta participa dende hai anos en diversos proxectos que se están a executar nos campamentos de persoas refuxiadas saharauís. A resposta de axuda para paliar e reducir a vulnerabilidade nas crises humanitarias con eficacia e calidade é un dos ámbitos estratéxicos do V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026, sendo a poboación saharauí unha figura prioritaria dentro da mesma.

De feito, a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharahuí é o axente de cooperación que ten canalizado a maior parte dos fondos que a Cooperación Galega destina á poboación refuxiada saharauí a través de actuacións de acción humanitaria, que se eleva a preto de 1,5 millóns de euros, contando o recente convenio para o programa Vacacións en Paz.