Nova

A Xunta financia con preto de 160.000 euros os programas de conciliación e corresponsabilidade familiar da comarca do Deza-Tabeirós

O delegado territorial visitou os programas de conciliación de Forcarei e Silleda

A Xunta inviste máis de 1,2 millóns nos programas de conciliación de 45 concellos da provincia de Pontevedra


Forcarei, 13 de agosto de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá os programas de conciliación dos concellos de Forcarei e Silleda, que están financiados pola Xunta con 13.120 e 45.000 euros respectivamente do Plan Corresponsables, cofinanciado co Ministerio de Igualdade.

Trátase dunha aposta da Xunta coa que se pretende crear un espazo de xogo, diversión e aprendizaxe para os nenos e nenas galegas, á vez que se facilita a conciliación familiar durante as vacacións escolares.  

Neste sentido, a consellería de Política Social e Igualdade inviste máis de 1,2 millóns de euros nos programas de conciliación e corresponsabilidade da provincia, dos cales preto de 160.000 corresponden aos concellos da comarca do Deza-Tabeirós. Entre os concellos beneficiados por estas axudas atópase, ademais dos visitados esta mañá polo delegado, A Estrada; Dozón; Rodeiro; Agolada e Vila de Cruces.

En total, son 45 os concellos da provincia de Pontevedra que se benefician destas axudas que dan servizo a millares de familias. O delegado territorial aproveitou a ocasión para destacar a importancia da colaboración entre institucións, “especialmente en temas tan delicados e importantes como o da conciliación familiar”.

Ademais, Reguera lembrou que os protagonistas destas iniciativas deben ser sempre os nenos e nenas participantes: “Estes programas non poden estar enfocados unicamente ás necesidades dos pais e nais, temos que poñer no centro desta iniciativa aos nenos e nenas participantes, que merecen unhas vacacións de verán cheas de actividades e diversión”.