Nova
A Xunta destaca o labor de dinamización que realiza o centro sociocomunitario da Milagrosa en Lugo
No segundo semestre do ano acollerá novos talleres sobre benestar e saúde impartidos polo Sergas, ademais dunha ampla programación de cursos entre os que figuran os de ximnasia con música, cestería, tai chi ou informática
Lugo, 12 de agosto de 2025
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, destacou o labor de dinamización que realiza o centro sociocomunitario da Milagrosa (Lugo), que funciona como un espazo polivalente onde as persoas maiores teñen acceso a unha ampla programación de actividades. Arias visitou as instalacións e mantivo unha xuntanza coa nova directora, Sonia Fariñas.
Ao longo do ano desenvólvense no centro múltiples propostas que benefician a saúde dos usuarios e usuarias, como os cursos de benestar impartidos pola Escola de Saúde do Sergas. Dentro destes, neste segundo semestre de 2025 haberá talleres sobre uso da medicación, seguridade no fogar, musicoterapia, psicomotricidade e memoria; así como exercicio e ocio.
A programación anual abrangue ademais clases de ximnasia con música, cestería e tai chi; e facilítase un servizo de podoloxía. Outros cursos realízanse en colaboración con Fundación La Caixa – informática e exercicio físico -, a Policía Nacional – que forma ás persoas maiores sobre ciberseguridade- e Cruz Vermella. Esta última entidade imparte ximnasia no centro, onde tamén ten en marcha o programa educativo Avós Coidadores.
Este espazo funciona igualmente como lugar de reunión dos usuarios para empregar a biblioteca, a sala de televisión e outros recursos de ocio. Tamén é o lugar de ensaio da coral polifónica Xolda dende os seus inicios.
Arias lembrou que a Consellería de Política Social e Igualdade dispón dunha rede de centros sociocomunitarios concibidos como lugares para a socialización e a convivencia interxeracional, con abundante oferta de iniciativas que favorecen o envellecemento activo. Ademais de Lugo, na provincia hai centros en Vilalba, Mondoñedo e Ribadeo.