Nova
A Xunta inviste 1,5 M€ na súa residencia de maiores de Marín para mellorar a confortabilidade e atención dos usuarios
Fabiola García sinalou que as obras permitirán adaptar este centro ao novo modelo autonómico de centros residenciais que busca humanizar as instalacións
Ademais, lembrou a aposta do Executivo galego por ofrecer recursos de calidade para garantir que os maiores poidan recibir atención preto dos seus fogares
Marín (Pontevedra), 10 de agosto de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da alcaldesa de Marín, María Ramallo, visitou a residencia de maiores pública autonómica da localidade. Durante o percorrido, destacou que a Xunta está realizando obras de mellora no centro para mellorar a súa confortabilidade e seguir ofrecendo unha atención de calidade, cun investimento que suma case 1,5M€ de fondos MRR.
A conselleira destacou que estas actuacións están enmarcadas dentro do novo modelo de residencias que a Xunta impulsa na rede de centros de maiores públicos autonómicos. Deste xeito, as reformas ademais de mellorar elementos como a fachada ou o illamento térmico, permitirán adaptar as instalacións para ofrecer unha atención máis innovadora e integral, cunha alta presenza de elementos tecnolóxicos para a estimulación e coidado dos maiores.
Neste sentido, Fabiola García lembrou o compromiso do Executivo galego por ofrecer recursos de calidade ao longo da xeografía galega, co obxectivo de que os maiores que o desexen poidan ser atendidos preto dos seus fogares. Así, recordou que no ano 2023 o presidente da Xunta inaugurou, tamén en Marín, un novo centro de día que dá servizo a 40 usuarios.
Na súa visita, a conselleira trasladou o compromiso da Xunta para seguir mellorando a vida dos galegos, poñendo a súa disposición recursos e servizos desde que nacen ata que se fan maiores e puxo de exemplo as obras que impulsa o Executivo galego na escola infantil de Marín, nas que inviste 80.000 euros para mellorar o confort dos cativos. Por iso, reivindicou a aposta do Executivo galego para que Galicia sexa o mellor lugar para vivir.