Nova
A Xunta pon en valor a apertura do novo centro residencial de Iñás que prestará servizo a 80 maiores en Oleiros
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria coñeceu as instalacións innovadoras que xa comezaron a recibir os primeiros usuarios
Oleiros (A Coruña), 10 de agosto de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta semana aos primeiros usuarios da nova residencia de maiores de Iñás, en Oleiros. Durante o encontro, puxo en valor a apertura deste centro que prestará un servizo de atención e coidado diario a 80 persoas maiores e dependentes.
Na visita comprobou as novas instalacións que abriron as súas portas este mesmo verán e que destacan pola súa innovación orientada a ofrecer unha atención integral de calidade. Neste senso, o director xeral destacou que o modelo de funcionamento segue a liña do establecido no modelo de coidados da Xunta e aposta pola dixitalización destes centros, co obxectivo de garantir un mellor servizo aos maiores.
Ademais, Antón Acevedo sinalou que este centro conta cunha ampla variedade de servizos de animación e actividades para os usuarios, potenciando así o seu envellecemento activo e saudable, fundamental para evitar o deterioro cognitivo e previr situacións de dependencia.