Nova
Fabiola García enxalza a aposta do Concello de Poio pola atención de proximidade grazas ao futuro centro de día municipal
A conselleira de Política Social e Igualdade sinalou que o modelo de coidados da Xunta de Galicia busca garantir que os maiores poidan pasar esa etapa das súas vidas no lugar que escollan
Poio (Pontevedra), 9 de agosto de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reuniuse esta mañá co alcalde de Poio, Ángel Moldes, para coñecer os novos avances no proxecto de construción do novo centro de día deste municipio. Durante a xuntanza, agradeceu ao alcalde a súa aposta pola atención de proximidade para os maiores deste concello.
Fabiola García sinalou que este novo centro cumpre todos os requisitos do modelo de coidados da Xunta de Galicia, que busca garantir que os maiores teñan recursos suficientes para escoller onde pasar esa etapa das súas vidas. Deste xeito, lembrou que para que isto sexa posible é fundamental apostar por servizos de proximidade e adaptados á xeografía galega.
Ademais, a conselleira explicou que este proxecto tamén pretende dar unha nova vida a antiga escola municipal, dándolle un novo uso destinado ao coidado e atención dos maiores. Un recurso que ademais, avanzou, estará situado nunha localización moi boa, con todos os servizos e o centro de saúde moi próximos.