Nova
A Xunta e o Cermi avalían as políticas e medidas públicas de atención ás persoas con discapacidade
Fabiola García destacou o papel do tecido asociativo á hora de dar visibilidade ás necesidades das familias e na consolidación de novos dereitos
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, acompañada da directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, reuniuse esta mañá co presidente da Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade (Cermi) en Galicia, Ramón Sestayo, e o secretario xeral, Carlos Fernández Lamigueiro. Durante o encontro, fixeron balance das novas medidas e políticas públicas impulsadas no eido da discapacidade.
Na xuntanza, Fabiola García puxo en valor o papel que desenvolve o tecido asociativo na atención e coidado ás persoas con discapacidade, tecendo unha importante rede de apoios que contribúen a chegar cada vez a máis cidadáns. Neste senso, resaltou que o traballo das entidades do terceiro sector nos últimos anos foi fundamental para visibilizar as súas necesidades e consolidar novos dereitos.
Así mesmo, comprometeuse a seguir traballando da man de todo o tecido asociativo para avanzar cara unha Galicia máis igualitaria e inclusiva. Do mesmo xeito, sinalou que un dos piares da Xunta é garantir o benestar de todos os galegos e que se reflicte cada ano nos orzamentos.
Pola súa parte, os representantes do Cermi Galicia aproveitaron a oportunidade para trasladar á conselleira as necesidades máis urxentes das entidades sociais, ao tempo que agradeceron a súa boa disposición para seguir avanzando conxuntamente no camiño da inclusión.