Nova

A Xunta destaca o labor da Fundación Amigos de Galicia na integración laboral de persoas que se atopan en risco de exclusión

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou a sede da entidade, á que o Goberno galego concedeu nos últimos dous anos máis de 446.000 euros para programas e iniciativas de inclusión social


Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2025

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou esta mañá a sede social da Fundación Amigos de Galicia, unha entidade sen ánimo de lucro que traballa na loita contra a exclusión social e inclusión laboral de colectivos vulnerables.

Durante a xornada, o director xeral puido coñecer os programas que a entidade está impulsando durante este ano 2025 e os proxectos a impulsar nos próximos meses. Ademais, os responsables da entidade explicaron as diferentes liñas de acción que impulsan para promover a integración laboral das persoas que se atopan en risco de  exclusión social.

Arturo Parrado puxo en valor a labor que a fundación vén realizando desde hai case corenta anos e destacou que a Xunta de Galicia colabora con esta entidade a través das dúas convocatorias de axudas dirixidas a entidades sociais para proxectos de inclusión social. Nas últimas convocatorias o Goberno galego concedeulle á Fundación Amigos de Galicia máis de 446.000 euros para a realización de diferentes programas e iniciativas de inclusión social.