Nova
A Xunta financia con máis de 226.000 euros os programas de conciliación e corresponsabilidade familiar da comarca de Caldas e o Ullán
O delegado territorial e a directora xeral de Promoción da Igualdade visitaron o programa de conciliación de Moraña
A Xunta inviste máis de 1,2 millóns nos programas de conciliación de 45 concellos da provincia de Pontevedra
Moraña, 31 de xullo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá, acompañado pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, o programa de conciliación do concello de Moraña, que está financiado pola Xunta con 21.425 € do Plan Corresponsables, cofinanciado co Ministerio de Igualdade.
Trátase dunha aposta da Xunta coa que se pretende crear un espazo de xogo, diversión e aprendizaxe para os nenos e nenas galegas, á vez que se facilita a conciliación familiar durante as vacacións escolares. No caso de Moraña, o “Campamento de conciliación familiar 2025” que apoia o Goberno galego está en marcha entre os meses de xullo e agosto e conta con 60 prazas. Os asistentes participan en actividades de igualdade de xénero, novas tecnoloxías e acción de concienciación medioambiental, entre outras
Neste sentido, a consellería de Política Social e Igualdade inviste máis de 1,2 millóns de euros nos programas de conciliación e corresponsabilidade da provincia, dos cales máis de 226.000 corresponden aos concellos da comarca de Caldas e o Ullán. Entre os concellos beneficiados por estas axudas atópase, ademais do visitado esta mañá polo delegado e a directora xeral, Caldas de Reis, Valga; Portas; Pontecesures; Catoira; e Cuntis.
En total, son 45 os concellos da provincia de Pontevedra que se benefician destas axudas que dan servizo a millares de familias. O delegado territorial aproveitou a ocasión para destacar a importancia de levar a cabo iniciativas como esta que “facilitan a conciliación familiar e que ofrecen un espazo de diversión e socialización aos nenos e nenas nunha época que debe ser de descanso e goce”.
Pola súa banda, a directora xeral sinalou o compromiso da Xunta cun “seguir promovendo a corresponsabilidade nas familias galegas”. Por iso volveu recordar que “é incomprensible o recorte de case 50 millóns de euros do Goberno central ao Plan Corresponsables, co que Galicia deixará de recibir por parte do Ministerio 2,3 millóns de euros xa este ano”.