Nova
A Xunta avanza que traballa coa Ceoma para que a residencia Volta do Castro conte coa certificación de centro libre de suxeicións
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria destacou que con este xa serían tres os centros residenciais públicos recoñecidos por este organismo
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, reuniuse esta mañá con representantes da Confederación Española de Organizacións de Maiores (Ceoma) para avaliar o funcionamento do centro público autonómico Volta do Castro, de cara á certificación desta residencia como centro libre de suxeicións.
Antón Acevedo destacou que dentro do novo modelo de residencias, que impulsa a Xunta de Galicia, un dos obxectivos fundamentais é esta acreditación que garantiza a atención e o coidado personalizado e individualizado dos usuarios. Deste xeito, recalcou tamén que o mérito desta distinción recae, principalmente, no persoal do centro, que cada día está ao lado dos maiores.
Así mesmo, o director xeral destacou que nestes momentos dous centros públicos autonómicos, a residencia Torrente Ballester e a de Campolongo, xa contan con esta acreditación que os certifica como centro libre de suxeicións, unha mostra máis do compromiso da Xunta para garantir a mellor atención e coidado ás persoas maiores.