Nova
Fabiola García acompaña a 200 usuarios de sete residencias de maiores da Xunta na súa primeira xornada de confraternización
A conselleira de Política Social e Igualdade destacou que a xornada de convivencia representa a aposta do Executivo galego por seguir impulsando a vida pública e social na terceira idade
Pontedeume (A Coruña), 30 de xullo de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou no xantar de confraternidade organizado por sete residencias públicas da provincia da Coruña. Na súa visita, animou aos 200 usuarios que participaron a seguir formando parte das iniciativas de fomento do envellecemento activo e convivencia.
Durante a mañá cada centro participante realizou cos maiores unha saída cultural por diferentes puntos da provincia, no caso da residencia Torrente Ballester a conselleira acompañou aos maiores no seu paseo pola contorna de Ares. Ao mediodía, preto de 200 usuarios e traballadores destes centros residenciais xuntáronse en Pontedeume para unha comida de confraternidade.
Fabiola García sinalou que este primeiro xantar de unión entre residencias representa o impulso do envellecemento activo e saudable, unha aposta do Executivo galego por seguir impulsando a vida pública e social na terceira idade. Por iso mesmo, agradeceu a todo o persoal dos centros o seu esforzo imprescindible para realizar esta actividade, que achega aos maiores e conecta xeracións.