Nova
Rueda salienta a nova Estratexia Contra o Idadismo como un fito para crear unha sociedade máis xusta e humana
Galicia é a primeira comunidade autónoma en elaborar unha estratexia contra o idadismo
Destaca a relevancia deste “pacto entre xeracións”
A Estratexia articula as súas acción en tres grandes liñas: intervencións interxeracionais, actividades educativas e acción política e lexislativa
Anima a toda a sociedade a unirse á loita contra o idadismo
Vigo, 22 de xullo de 2025
O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, resaltou a nova Estratexia Galega contra o Idadismo como un fito moi relevante para o coidado dos maiores e como piar imprescindible para ter unha sociedade máis xusta e humana: “Arrinconar á xente que está aínda con plenas capacidades e que non quere arrinconarse non ten ningún sentido. E a sociedade que faga iso ou que acepta que iso pase está a pegarse un tiro no pé. Alégrome moitísimo de que a Xunta de Galicia sexa a primeira administración que teña esta estratexia”, apuntou.
Así o fixo no acto no que participou esta mañá en Vigo xunto á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, no que se presentaba esta Estratexia. Trátase da primeira estratexia elaborada por unha comunidade autónoma contra o problema do idadismo, que desde 2021 está tratado pola OMS cunha base científica para afrontalo. Neste sentido, o presidente quixo remarcar o carácter pioneiro deste plan: “Alguén ten que encabezalo e estou moi contento de que sexamos nós quen o faga”, salientou.
Na súa intervención, Rueda mostrou a súa alegría por presentar o que considera “un pacto entre xeracións”, e destacou que se trata dun compromiso a longo prazo, xa que comeza este ano e desenvolverase ata o ano 2031. A Estratexia articula as súas acción en tres grandes liñas: intervencións interxeracionais, actividades educativas e acción política e lexislativa: “Temos a intención de que nazan cantos máis nenos mellor, e tamén de vivir con calidade cantos máis anos mellor”, dixo o presidente.
Ademais, está previsto que o Goberno galego destine 520.000 € de fondos propios para poñer en marcha as tres primeiras actuacións concretas, que consistirán en dar visibilidade e desafiar os estereotipos sobre as persoas maiores mediante campañas de comunicación e encontros xeracionais; dar formación e sensibilización no sistema educativo, cun programa piloto dirixido aos mestres de Infantil, Primaria e Secundaria; e crear un Comisionado Autonómico contra o Idadismo, que revisará as políticas públicas e a lexislación para detectar eivas e propor solucións.
Agradecemento e compromiso de toda a sociedade
Rueda tamén quixo agradecer a implicación de todas as persoas e entidades que fixeron posible a presentación desta Estratexia e que van levala a cabo, como son a Cátedra de Idadismo da Universidade de Vigo, a consultora en idadismo, Vania de la Fuente, e outras entidades como o Colexio de Educadores Sociais, a Federación de Asociacións Universitarias Sénior, Cáritas e a Rede Galega contra a Pobreza.
Por último, o presidente remarcou a importancia da loita contra o idadismo en todos os sectores da sociedade, tendo claro que é un acto de xustiza social e tamén unha aposta polo futuro: “As administracións soas non vamos a poder facelo. E a xente soa, sen a axuda das Administracións, tampouco. Polo tanto, unámonos nesta estratexia e poñámola a funcionar”, salientou o presidente.
Neste sentido, animou a toda a sociedade civil a apoiar esta nova Estratexia, que se pode levar a cabo promovendo un envellecemento activo, asegurando a equidade no acceso aos servizos e educando desde a infancia no valor da experiencia e na escoita aos maiores: “Hai que atreverse, ser valentes, e non ter medo a fracasar. E estou seguro de que nisto non só non imos fracasar, senón que dentro dun tempo estaremos orgullosos de ser os pioneiros”, rematou Rueda.