Nova
A Xunta destina 2,8 M€ a garantir a continuidade das 29 Casas Niño que prestan servizo en 20 concellos lucenses
O delegado territorial, Javier Arias, visitou un destes recursos en Triacastela, onde explicou que o obxectivo do Goberno galego é que todas as familias teñan no seu entorno unha alternativa gratuíta para facilitar a conciliación
Triacastela (Lugo), 21 de xullo de 2025
A Consellería de Política Social e Igualdade destina 2,8 millóns de euros a garantir a continuidade das 29 Casas Niño que funcionan en 20 concellos da provincia de Lugo. En total ofertan 145 prazas de atención gratuíta a nenos e nenas de ata 3 anos.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe as instalacións de Cabaciña, unha das dúas casas niño que hai en Triacastela. A súa promotora é a educadora infantil Lorena García Lebón.
Arias apuntou que estas instalacións prestan servizo nos concellos rurais de menor poboación, onde non é posible contar con outros centros para o coidado da infancia. “O obxectivo é que todas as familias teñan no seu entorno unha alternativa gratuíta para facilitar a conciliación da vida persoal e laboral”, resaltou.
O financiamento da Xunta concédese a través dunha orde de axudas plurianual, que xa foi resolta para o período 2025-2028. Ademais de asegurar a atención personalizada aos pequenos de 0 a 3 anos de luns a venres en horario diúrno, as achegas tamén poden destinarse á reposición de equipamento ou material didáctico; así como a obras de reforma, mantemento ou eficiencia enerxética.
A comarca de Sarria conta con dez casas niño establecidas nos municipios de Triacastela, Láncara, O Incio, O Páramo, Paradela e Samos. Arias afirmou que o obxectivo do Goberno galego é darlle continuidade a este recurso para seguir atendendo ás necesidades de conciliación das familias nos concellos rurais.
Cada centro atende un máximo de cinco nenos e nenas, de xeito flexible e con garantías de calidade, dado que se esixe unha formación ou experiencia profesional específica e impóñense requisitos nos inmobles.