Nova
A Xunta pon en valor o compromiso da Asociación cultural O Castro coas actividades que favorecen o envellecemento activo
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, asiste á clausura dunha iniciativa na que participan durante o curso 50 maiores de Vilanova de Arousa
Vilanova de Arousa (Pontevedra), 18 de xullo de 2025
O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou esta tarde na clausura da tempada de actividades de envellecemento activo que impulsa desde hai anos a asociación cultural O Castro, na parroquia de Baión. Un total de 50 persoas maiores de Vilanova de Arousa e da súa contorna asistiron durante o curso a estas iniciativas.
Na súa intervención, o director xeral felicitou á asociación O Castro de Baión por impulsar desde hai anos iniciativas de envellecemento activo, coas que facilitar que as persoas maiores poidan promover a súa autonomía e independencia, mellorar as súas relacións sociais e incrementar as súas habilidades tecnolóxicas para evitar o illamento por descoñecemento dixital.
A xornada festiva en Baión incluíu un xantar de confraternidade, a actuación do grupo de pandereteiras O Castro, un espectáculo de teatro e unha charla que tratou o envellecemento desde diferentes perspectivas.