Nova

A Xunta lembra que está aberto o prazo da orde de axudas para a creación de novas casas do maior

O prazo para presentar as solicitudes remata o próximo mércores 23 de xullo

O orzamento desta convocatoria supera o millón de euros e permitirá poñer en marcha ata 20 novos recursos


Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2025

A Xunta ten aberto ata o mércores 23 de xullo o prazo de presentación de solicitudes para a creación de novas casas do maior, dirixidas ao coidado de persoas maiores que son totalmente gratuítos para as familias usuarias. O Executivo autonómico destina algo máis dun millón de euros a esta orde de axudas para as anualidades 2025-2026.

Con esta nova convocatoria, poderán poñerse en funcionamento unha vintena de novos recursos nos concellos de menos de 5.600 habitantes e nos que non haxa outros servizos de atención diúrna para persoas maiores. As persoas interesadas deberán presentar obrigatoriamente as súas solicitudes por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Esta é a sexta convocatoria para a creación de casas do maior que aproba o Goberno galego. Desde que no ano 2018 se aprobou a primeira o número de equipamentos deste tipo non parou de medrar e hoxe Galicia conta con 142. Polo tanto, esta orde de subvencións podería ampliar esta rede de coidados de proximidade ata as 162 unidades e as 810 prazas de balde.

Como xa acontecía na orde do ano pasado, esta mantén unha axuda adicional de 150 euros semanais nos casos de baixa por maternidade ou permiso de paternidade da persoa encargada da casa do maior durante o período que dure dita baixa ou permiso.

Así mesmo, lembrar que, a través desta orde, a Xunta concede por casa do maior ata un máximo de 15.000 euros para obras de acondicionamento e 24.800 euros ao ano como axuda para o seu funcionamento. Adicionalmente, aboaranse 10 euros por persoa e día a aquelas promotoras que asuman o desprazamento dos usuarios.

A Xunta aposta por continuar estendendo as casas do maior por todo o territorio galego porque melloran a calidade de vida dos seus usuarios, facilitan a conciliación das familias, axudan a fixar poboación no rural e a dinamizar a economía dos concellos nos que se asentan.