Nova

A Xunta imparte a través dos centros Quérote+ un total de 513 obradoiros sobre educación afectiva, bo trato e igualdade que chegan a máis de 11.400 persoas

O maior número de accións formativas corresponde ás destinadas aos centros escolares, con 450 obradoiros sobre sexualidade, igualdade e benestar emocional nos que participaron máis de 10.000 mozos e mozas

Ademais, impartíronse unha vintena de cursos dirixidos á poboación moza, que contaron con 344 asistentes

Ás formacións orientas ás familias achegáronse 676 persoas, que asistiron aos obradoiros sobre educación sexual e emocional impartidos en 39 entidades


Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2025

Os centros Quérote+ da Xunta de Galicia realizaron durante o curso escolar 2024-2025 un total de 513 obradoiros nos que participaron máis de 11.400 persoas. Estas accións formativas desenvolvéronse en 252 centros educativos e entidades repartidas por toda Galicia. Este foi o balance avaliado pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, nunha reunión mantida recentemente co persoal destes centros.

O maior número de accións formativas correspondeu ás destinadas especificamente aos escolares en materias relacionadas coa educación afectiva. Concretamente, impartíronse case 450 obradoiros sobre sexualidade, Botrato, igualdade e benestar emocional en 194 centros educativos, que contaron con máis de 10.000 asistentes.

Ademais, o persoal dos centros Quérote+ tamén ofreceu durante este curso 2024-2025 accións formativas destinadas á poboación moza en xeral, con contidos sobre sexualidade, coidado dos vínculos afectivos e a diversidade. Neste caso, impartíronse unha vintena de obradoiros en 16 entidades, que contaron coa participación de 344 persoas.

No balance tamén se tiveron en conta as accións formativas dirixidas ás familias, nas que se trataron cuestións relativas á educación sexual e emocional. En total, participaron 676 persoas en obradoiros impartidos en 39 entidades.

Por último, tamén se ofreceron formacións específicas dirixidas a profesionais de diferentes ámbitos. Neste caso, programáronse seis obradoiros aos que asistiron 313 persoas. Estas iniciativas tiveron lugar na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e na Axencia Galega de Coñecemento e Saúde (ACIS).

Cinco centros e un equipo mutidisplinar

A rede pública Quérote+ está formada por cinco centros situados na Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela, que dispoñen dun equipo de profesionais formado por 12 persoas das áreas do traballo social, a educación social e psicoloxía. Contan tamén con persoal titulado co posgrao de sexoloxía e acreditado para impartir formación en materia de igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero.

Os eidos de intervención de Quérote+ corresponden a sexualidade, a promoción da diversidade sexual, a atención específica ao colectivo LGBTI+, o benestar emocional, a realización de probas rápidas de VIH e VHC, e a promoción do bo trato e a prevención e loita contra a violencia de xénero. A actividade destes servizos aséntase en tres piares: área de información, asesoramento e acompañamento; área formativa e área de participación e sensibilización.