Nova

A Xunta visita as dúas casas do maior de Rodeiro, que ofrecen atención diúrna gratuíta a unha decena de veciños do concello

Galicia conta con máis de 140 casas do maior en funcionamento e actualmente está aberto o prazo para solicitar as axudas que permitirán abrir outras 20 ao longo deste ano


Rodeiro (Pontevedra), 18 de xullo de 2025

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, achegouse esta mañá ao concello de Rodeiro para coñecer as dúas casas do maior que están abertas ao público. Durante a visita, destacou que grazas a estes recursos os veciños do municipio contan con dous servizos totalmente gratuítos de atención a maiores.

Durante a mañá, o director xeral coñeceu as instalacións da casa do maior Os Cambotes, situada na Rúa B e aberta ao público desde 2024, e a casa do maior Val de Camba, situada na Estrada xeral e que se puxo en marcha este mesmo ano. Ambos recursos ofrecen unha atención gratuíta e diúrna a unha decena de veciños. Así mesmo, sinalou que estas casas son un recurso fundamental para impulsar a conciliación familiar nas zonas rurais.

Nesta liña, Antón Acevedo destacou que se trata dun servizo fundamental para garantir a mellor atención e coidado aos maiores das zonas máis despoboadas e lembrou que forma parte da aposta da Xunta de Galicia para posibilitar o envellecemento activo e o benestar das persoas da terceira idade.

As dúas casas do maior de Rodeiro súmanse a outras existentes na comarca do Deza, que conta con outros dous recursos en Agolada e Dozón. Nestes momentos, en Galicia hai máis de 140 casas do maior en funcionamento e está aberta, ata o 23 de xullo, a convocatoria para a creación doutras 20 neste ano.