Nova

A Xunta felicita a Aspace Galicia por 25 anos de traballo para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destaca a colaboración que manteñen o Executivo autonómico e as entidades que conforman esta federación e que se traduce no financiamento de preto de 250 prazas públicas en Galicia


Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2025

A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, asistiu esta mañá aos actos de celebración do 25 aniversario de Aspace Galicia. Neste evento, participaron con parálise cerebral, familias e profesionais das entidades que conforman esta federación.

Na súa intervención, a directora xeral felicitou a Aspace Galicia polo seu cuarto de século traballando para lograr unha Galicia máis integradora e destacou a colaboración que desde hai anos manteñen o Executivo autonómico e as entidades que conforman esta federación para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias.

Esta colaboración tradúcese, por exemplo,  na financiación por parte da Xunta de Galicia de 46 prazas públicas de atención diúrna no centro de día que Aspace Coruña ten en Sada. A estas prazas súmanse outras 50 residenciais, ás que a Administración autonómica destina en total máis de 2,8 millóns de euros ao ano.

O Goberno galego tamén colabora coa Asociación de Familiares de Persoas con Parálise Cerebral (Apamp), destinando 2,7 millóns de euros ao ano a financiar 98 prazas nos seus centros residencias, de día e ocupacional situados en Vigo.

Ademais, a Xunta financia con 1,3M€ anuais un total de 55 prazas que Amencer-Aspace ofrece nos seus centros de día e residencia en Pontevedra e Vigo.  A todo isto, únese o apoio constante da Xunta a través de axudas con cargo ao 0,7% do IPRF e convenios que só no último ano superaron os máis de 1 millón de euros.